luns, 7 de xaneiro de 2013

Adeus a un xigante verde.

 Comezamos o 2013 cunha despedida. Temos que dicirlle adeus a unha gran árbore, un pino xigante do que puidemos disfrutar dende que vivimos aquí.
E está sendo duro dende fai tempo, dende que sabemos que non nos queda máis remedio que tomar a decisión de cortalo e poñer fin así á súa existencia. A razón fundamental é que parte das súas grandísimas pólas asoman máis alá do noso muro e poden supoñer un perigo para os nosos veciños; ademais hai unha lexislación clara ó respecto e como non temos precisamente agora unha situación de convivencia moi boa pois queremos evitar conflictos. Pero todo isto xa o entendimos dende que chegamos aquí, non fixo falta que ninguén nos dixera que esa árbore podía ser un problema dado a proximidade á finca do lado, sempre o vimos así pero supoño que nos resistíamos a tomar a decisión final.


 Por que nos resulta tan duro? Pois porque para nós unha árbore coma esta é un tesouro natural que deberíamos tratar de conservar -mesmo a pesares de que a lexislación diga que unha árbore debe manter certa distancia con respecto a un linde e blablaba...-, porque non é unha árbore calquera, é un ser vivo que leva acompañando este lugar dende moito antes de nós chegar e polo tanto ten todo o dereito a seguir aí, porque non abundan pinos desta categoría por aquí xa que xeralmente os que hai están para o que están e na súa antinatural formación militar, porque supón un refuxio para as aves que aquí abundan e un refuxio de sombra para nós e porque, como escoitei unha vez e estou totalmente dacordo, a cultura dun pobo valórase tamén en función do respeto que mostran cara as súas árbores.
 Xa vedes que suficientes son os motivos para entender que nos resulte tan duro facerlle o que lle imos facer. Por sorte para min o día da execución eu non vou chegar a casa ata a noite así que non terei que soportar todo o proceso. 
  Moita xente que vive aquí non valora todo isto simplemente porque á árbore lle dan o valor que esta ten no mercado, por iso se talan carballos sen ningún tipo de miramento e se plantan eucaliptos en troques. As consecuencias quizais eles non as vaian vivir pero probablemente sí os seus netos, qué mágoa deixarnos a todos este futuro.

 En fin, nós trataremos de compensar a este compañeiro que perdemos rendíndonlle homenaxe a través do respeto, defensa e coidado das árbores que seguiremos conservando e das que nos vaiamos atopando no camiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...