domingo, 14 de xullo de 2013

Abellas, de novo.

 Cando iniciei este blog conteivos cómo foi a nosa chegada a esta casa, compartida coa compañía das abellas que tiñan o noso faiado polo seu "resort" de alto standing... O caso é que esta situación deu nuns poucos disgustos (tanto para nós como para elas, todo hai que dicilo) pero superámolo ó seguir aquel famoso consello que di "Se non podes co teu inimigo, únete a el". Así foi como naceu a nosa historia de amizade e paixón polas abellas.

 Onte parecía que unhas cantas abelliñas querían entrar en casa e pensamos que ó mellor había un enxame buscando lugar onde asentarse e como a nosa casa ten unhas referencias inmellorables... pois é bastante fácil que se acheguen ata aquí a probar sorte. Por se acaso puxémoslles unha colmea no corral, xusto pegadiña á parede da fachada principal, a ver se conseguíamos convencelas para que se quedaran aí e non noutro lugar menos apropiado. 


 Como se pode ver na foto superior, ó principio só eran unhas pouquiñas as que viñan atraídas polo doce olor da mel que o meu compañeiro empregou como cebo pero ó longo da mañá e da tarde xa viñeron moitas máis que sobrevoaban a colmea e pouco a pouco decidían pousarse e relamerse.
  

 Durante a mañá e toda a tarde estiven traballando alí a carón delas e mesmo comemos na mesiña que temos nese rincón disposta a uns 5 metros de distancia e onde levamos comendo tódolos días dende que luce este sol radiante. Como ben apuntou o meu compañeiro, quen nos ía dicir a nós fai uns catro anos que estaríamos comendo tan tranquilamente tendo tan cerca semellante montón de abellas!!! Probablemente costaríame crelo pero aí estivemos, compartindo espazo pacifica e cordialmente: a nosa deliciosa comida non lles interesaba en absoluto, en realidade nada de nós lles interesa en absoluto. Só hai que estar tranquilos e non alterarse co seu ritmo zumbón.

 Hoxe aínda seguían aí así que parece que se unirá un enxame máis ó noso gando voador, oxalá! Agora a disfrutar de todo o que nos ofrecen, tanto tanto tanto...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...