martes, 9 de xullo de 2013

Os dous nenos da aldea.

 Vivir aquí sempre digo que é marabilloso, por suposto que ten un contrapunto moi grande e que xeralmente é protagonizado polas malas maneiras de facer as cousas duns poucos e como as vivencias son moi directas e cercanas pois hai que ir levándoo como un pode. Pero de momento sempre o positivo gaña ó negativo así que seguimos encantados, disfrutando deste verán.
 Unha das diferentes razóns que me facían desexar vivir nunha aldea era poder criar ós meus nenos neste ambiente, en contacto coa natureza, os animais, manchándose coa terra e revolcándose pola herba. Nós non temos nenos. Decisión difícil. No more comments. 

 Na nosa aldea tan só hai dous nenos, dous irmáns, ela de dez anos e el de seis. 
 Fai moitos anos, cando estas casas estaban habitadas por familias de ó mellor máis de dez membros de seguro tiña que ser divertidísimo ser un neno aquí, é verdade que tamén moi difícil porque a maioría da xente das aldeas galegas eran familias humildísimas e que pasaron moitas penurias debido ós moitos abusos ós que foron sometidas durante séculos. Pero á marxe dese pasado, crecer neste mundo creo que che fai ser doutra pasta, tan só con vivir o ritmo slow que isto inspira xa iso creo que marca o desenrolo dunha persoa.

 Pero agora non hai nenos. No noso barrio pode haber unhas 10 casas, aproximadamente, e só dous rapaces; no resto da parroquia hai unhas 20 casas máis e a situación é igual de triste. Fai uns días apareceron, como se dunha miragre se tratara, dous nenos máis (creo que familiares de emigrantes ou algo así) pero a situación de super-poboación infantil xa se volveu reducir de novo. Como as anduriñas, marcharon. Ese día os nosos nenos lucían caras moi serias. 
 Estes días veñen nalgún momento ata a nosa casa (e ás doutros) buscando compañía e con tal de estar con nós ofrécense a axudarnos no que haxa que facer, así onte pola tarde estivemos entre todos debullando uns chícharos e de paso ríndonos coas ocorrencias dos cativos. Un exemplo: eu teño un piercing no nariz, unha rasta bastante longa e un par de pequenas tatuaxes, pois o máis pequeno, despois da observación, comentou: "O aro do nariz, o da orella, as gafas... ti estás toda chea de cousas!"
 En fin, cousas de nenos que fan que mereza moito a pena estar con eles, "esos locos bajitos".

 Eu creo que os nenos nunha aldea son dalgunha maneira educados por toda a comunidade. Todo o mundo contribúe na vida deles, para ben ou para mal; e contribuír positivamente non custa moito, só compartir un pouco do teu tempo e cando os nenos están tan sós coma os dous de aquí... parece imposible negarse a pasar un rato con eles. 
 Onte quedáramos con eles para levalos ó río. A cita era para as cinco e media. Cando hoxe baixabamos o camiño ata a súa casa, alí estaban eles máis que puntuais agardando por nós. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...