domingo, 24 de febreiro de 2013

O entroido.

 Fai un par de semanas rematou o entroido. Na nosa aldea é bastante curiosa a maneira de celebralo así que hoxe vou amosarvos a especialidade do lugar: os bonecos de entroido.

 Á xente que coñezo resúltalle en xeral bastante descoñecido este modo de celebración, ó meu modo de ver moi divertido e ocurrente. Durante os días de entroido poden aparecer diseminados pola aldea estes grandes "peleles" que soen identificarse con algún persoeiro do lugar ou con algunha situación, empregándoos a modo de crítica ou escarnio. Outros simplemente funcionan como broma. 

 Agora vou ensinarvos unhas fotos do entroido do ano pasado que creo que merecen a pena. 
 A primeira foi un boneco que deu un bo susto ó tratar de encender a cociña de leña pola mañá cedo. O gracioso é que a culpa do boneco creo que a levou o meu compañeiro porque se prestou raudo e veloz a sacalo da cheminea coa axuda dunha escada bastante grande que temos, obxeto que algúns de seguida asociaron coa ferramenta do culpable, jeje!

 Despois atopamos estes outros pendurados duns cables de colgar a roupa e o seguinte da torreta da luz á beira da estrada. Estes sí representan a persoas concretas do lugar.


 Pero o entroido deste ano foi moi intenso en canto a bonecos. Non apareceron espallados por aí polo mal tempo que cadrou na fin de semana, senón que nesta ocasión todos foron reunidos na entrada da casa da escola, como se dunha reunión da comunidade de montes se tratara (aí xa había unha crítica).   O divertido foi a sucesión de acontecementos: primeiro apareceron representados todos os membros da xunta de montes, cada un co seu carteliño descritivo ou colocación significativa; parece que provocou certa picazón nalgúns e estes reaccionaron con outra batería de personaxes; pero aí non quedou a cousa porque apareceron algúns "monstruos" máis e cargados de contido alusivo a feitos concretos que teñen ocorrido ultimamente. 
 Por exemplo...


 Ou esta outra, cun cartel que di "Xa estamos todos, comeza a asamblea"; e a verdade é que os bonecos estiveron máis tempo reunidos que nós en todo un ano e dende logo comportáronse bastante máis civilizadamente, jajaja!


 Aquí hai moito inxenio, sobre todo algúns dotados dunha fina ironía e  gran intelixencia nas mensaxes, moi concisas pero cargadas de significados. Así  vou rematar cun retrato que nos pareceu tan poético e simbólico, dende logo unha maneira moi clara de describir a certa persoa, alguén que é todo oídos... 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...