Amosando publicacións coa etiqueta A primeira entrada.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A primeira entrada.. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de outubro de 2012

A primeira entrada.

 Esta é a primeira entrada a un blogue que levo moito tempo pensando se abrir ou non.
 Tiña moitas dúbidas, algunhas delas por exemplo: expoñer parte da miña vida, non ter claro se teño algo que dicir, o medo ó ridículo... Pero todo iso quedou finalmente vencido pola necesidade de contar o que pasa ó meu arredor, as cousas boas de vivir nunha aldea para tentar animar a quen o esté pensando e non se decida a dar o paso, e as cousas malas, porque as relacións máis intensas dunha comunidade quizais ocorran aquí.

 Todo o que eu conte débese entender por suposto como unha análise persoal na que confío non ofender a ninguén; non serán máis que as miñas percepcións pero sei que moita xente que coñezo pensa igual ca min e iso é o que me fará sentir segura de expresarme. Sí me parece importante comentar que eu proveño da cidade, aínda que a miña infancia transcurrira acudindo regularmente á casa da miña avoa nunha vila próxima, polo que o cambio ó profundo rural supuxo algo completamente novo para min e iso quizais me fai analizar o que aquí pasa dende outra perspectiva diferente, nin mellor nin peor, só diferente.

 Vivir nunha aldea é algo marabilloso, non o cambiaría por nada, sen embargo a vida non está deseñada para poñer as cousas doadas a quen tomamos esta decisión. A despoboación que sufre o rural galego fai que cada vez sexa máis difícil pensar en que algunha medida de progreso social poida tocarnos, creo que é por todos ben coñecida a circunstancia de crise actual e os fatídicos recortes así que sobra explicación. 
 Por esta razón a xente debe voltar e loitar por unha vida digna na aldea e polo menos con oportunidades semellantes ós que viven nas cidades ou vilas mais, sinceramente, tamén creo que ó rural ten que chegar a xente que vive o mundo coma nós intentamos vivilo pois penso que é a única maneira de que o rural recupere o seu valor real e as súas obrigas. 

 Por suposto toda cara ten a súa cruz. Máis alá da idea bucólica que se supón á vida nunha aldea, hai unha realidade que costa moito ás veces enfrontar, especialmente cando non medras aquí. Ás veces sinto que este é un lugar demasiado alonxado do mundo real (ou non, depende de dende o miremos), un lugar encerrado nunha burbulla onde o "status quo" non se cuestiona gracias ós moitos intereses individuais que o protexen. E isto non pode cambiar a non ser que se produza unha renovación das ideas, o que non ocorrerá se cada vez somos menos. 
 O futuro que pode esperarnos fala da privatización dos montes, de pagar pola auga que bebemos procedente de manantiais naturais construidos e financiados polas xentes do lugar, da desaparición de escolas e servicios de saúde... entre outros. Efectivamente, un futuro negro non, negrísimo.

Unha razón para amar a vida aquí.
Quen sabe, ó mellor isto non vai a ningún lado, refírome ó proxecto do blogue.  En fin, que máis dá, polo menos desafogo.

Pecho a miña primeira entrada con algo que tamén me axuda a reconciliarme coa vida, o solpor sobre a miña casa.