martes, 9 de xullo de 2013

Os dous nenos da aldea.

 Vivir aquí sempre digo que é marabilloso, por suposto que ten un contrapunto moi grande e que xeralmente é protagonizado polas malas maneiras de facer as cousas duns poucos e como as vivencias son moi directas e cercanas pois hai que ir levándoo como un pode. Pero de momento sempre o positivo gaña ó negativo así que seguimos encantados, disfrutando deste verán.
 Unha das diferentes razóns que me facían desexar vivir nunha aldea era poder criar ós meus nenos neste ambiente, en contacto coa natureza, os animais, manchándose coa terra e revolcándose pola herba. Nós non temos nenos. Decisión difícil. No more comments. 

 Na nosa aldea tan só hai dous nenos, dous irmáns, ela de dez anos e el de seis. 
 Fai moitos anos, cando estas casas estaban habitadas por familias de ó mellor máis de dez membros de seguro tiña que ser divertidísimo ser un neno aquí, é verdade que tamén moi difícil porque a maioría da xente das aldeas galegas eran familias humildísimas e que pasaron moitas penurias debido ós moitos abusos ós que foron sometidas durante séculos. Pero á marxe dese pasado, crecer neste mundo creo que che fai ser doutra pasta, tan só con vivir o ritmo slow que isto inspira xa iso creo que marca o desenrolo dunha persoa.

 Pero agora non hai nenos. No noso barrio pode haber unhas 10 casas, aproximadamente, e só dous rapaces; no resto da parroquia hai unhas 20 casas máis e a situación é igual de triste. Fai uns días apareceron, como se dunha miragre se tratara, dous nenos máis (creo que familiares de emigrantes ou algo así) pero a situación de super-poboación infantil xa se volveu reducir de novo. Como as anduriñas, marcharon. Ese día os nosos nenos lucían caras moi serias. 
 Estes días veñen nalgún momento ata a nosa casa (e ás doutros) buscando compañía e con tal de estar con nós ofrécense a axudarnos no que haxa que facer, así onte pola tarde estivemos entre todos debullando uns chícharos e de paso ríndonos coas ocorrencias dos cativos. Un exemplo: eu teño un piercing no nariz, unha rasta bastante longa e un par de pequenas tatuaxes, pois o máis pequeno, despois da observación, comentou: "O aro do nariz, o da orella, as gafas... ti estás toda chea de cousas!"
 En fin, cousas de nenos que fan que mereza moito a pena estar con eles, "esos locos bajitos".

 Eu creo que os nenos nunha aldea son dalgunha maneira educados por toda a comunidade. Todo o mundo contribúe na vida deles, para ben ou para mal; e contribuír positivamente non custa moito, só compartir un pouco do teu tempo e cando os nenos están tan sós coma os dous de aquí... parece imposible negarse a pasar un rato con eles. 
 Onte quedáramos con eles para levalos ó río. A cita era para as cinco e media. Cando hoxe baixabamos o camiño ata a súa casa, alí estaban eles máis que puntuais agardando por nós. 


domingo, 7 de xullo de 2013

Fresas nun canalón.

 Fai tempo que quería plantar fresas e esta primavera adquirimos fresas e fresóns. Algunhas puxémolas nun par de macetas pero a maioría plantámolas nun fragmento dun canalón que tiñamos por aí gardado. 


 Reutilizar canalóns é unha idea que dá moito xogo e xa fai tempo que vos ensinara unha entrada no que empregáramos outro para plantar crasas, que por certo está preciosísimo así que un día destes ensinareivos a evolución.

 Xa estamos comendo algunha, supoño que este ano non serán tan productivas como o próximo, tampouco sei se a terra lles será suficiente para as súas raíces... pero de momento teñen moi boa pinta e ademais sempre estou a tempo de facer modificacións, non? Ó fin e ó cabo trátase de experimentar e de disfrutar descubrindo.

venres, 5 de xullo de 2013

Sementar, sementarei... 3ª parte.

 O noso cáñamo medra sen parar. Qué pranta, señor, qué pranta!
 Teño que dicir que non está todo o ben que podería estar, as nosas están un pouco alicaídas por falta de auga (creemos...) e ademais hai calvas nos regos, unhas tiran mellor ca outras... As razóns son varias: a leira onde o botamos facía moitísimo que non se traballaba, non estaba abonada e por riba é de terra bastante seca. Pero qué máis daba, o meu compañeiro quería experimentar e o experimento vai super ben, estamos moi contentos co resultado. 


 O mellor de todo é que hoxe coñecimos cómo van as prantiñas doutro colega, que plantou moito máis ca nós e que o fixo en terras xa ben traballadas. Impresionante e ademais sen regalas nada de nada!!! 

 En fin, the Cañamo´s Revolution is coming!!!

Novo membro da familia.

 Nesta casa agora temos dous gatos. Do primeiro, Miki, nunca vos falei e a verdade é que se merece un capítulo para el só, algún día chegará. Seguro que non estaría moi contento de saber que a primeira entrada sobre gatos no meu blog a protagoniza a nosa nova gatiña, Tana, un cachorriño con grandes bigotes polo que parece que corre sangue da gran estirpe de Siam (vamos, que ten pinta de siamesa).
 Mirade qué cousa máis bonitiña...


  A razón de adoptar unha gata foi a de dotar á nosa casa dunha boa cazadora de ratos dado que Miki cazador, o que se di cazador, non é demasiado. Esperamos que entre os dous poidan manter á poboación roedora un pouco controlada ou polo menos afastada das nosas dependencias. O caso é que a Tana tamén a castraremos (xa sabedes o que penso sobre ter camadas e camadas sen control das que despois hai que desfacerse de maneira cruel) e non sei ata que punto iso será mermar o seu instinto cazador; eu sempre tiven gatos (machos) castrados e seguían traéndome pequenas recompensas a casa como ratiños, lagartixas... Penso que a caza é tamén un xogo para eles e castralos creo que non lles anula esas ganas de diversión, máis vale! 

 Facía moito que non disfrutaba dun cachorro e os de gato son especialmente divertidos: se vírades a Auryn xogando con esta bola de pelo morredes da risa, sobre todo cando a enana se abalanza nun chimpo contra a outra e acaban pelexando como se dunha loita a morte se tratara, jajaja... cando vai descubrindo novos rincóns da casa e tamén cando se descubre a sí mesma ó lanzarse nunha nova aventura, que ás veces sae ben e ás veces sae mal. 
 Para min é xenial compartir a miña vida e o meu espazo con animais,  axúdanme a pousarme na terra.


xoves, 4 de xullo de 2013

Xabón de lavadora caseiro.

 Fai tempo que quería facer xabón para a lavadora a partir do xabón que nós facemos reciclando aceite usado. Estamos moi contentos co resultado das pastillas que utilizamos para lavar a louza así que por qué non facer un xabón para a lavadora?

 O proceso foi moi sinxelo e para ser a primeira vez, e polo tanto un experimento, saíu bastante ben, creo. Aí van, dous litrazos de xabón de lavadora, yuhuuu!


  Os pasos foron os seguintes:
  -primeiro raiamos aproximadamente uns 200 gr. do noso xabón
 -poñemos a quentar uns 2 litros de auga e xusto antes de que comece a ferver botamos o xabón raiado
 -a continuación imos removendo para que se dilúan todas as virutas
 -unha vez diluídas, botamos un chorro de suavizante (polo do aroma) e batimos con batidora (...redundancia) ata que se nos creou unha textura branca
 -deixámolo repousar e envasamos


 Aviso de que as medidas foron a ollo, probando sorte, e finalmente gustounos moito a textura xelatinosa que resultou. Se tivera quedado moi líquido sempre poderíamos ter raiado máis xabón e de quedar demasiado denso tamén poderíamos rebaixalo de novo cunha pouca auga quente, ir batendo... e así ata dar coa densidade do noso gusto. 
 E xa puxemos dúas lavadoras con el e seguimos encantados. Acabouse mercar deterxente nesta casa, yuhuuu!


martes, 4 de xuño de 2013

Sementar, sementarei... 2ª parte

 Fai tempo escribín esta entrada deixándoa en suspense ó non desvelar qué era o que o meu compañeiro estaba a sementar. Hoxe desvelamos o segredo, bueno, ou non tan segredo porque algúns seguro que xa adiviñastes o que é: CÁÑAMO INDUSTRIAL.


 Sí, unha variedade de cáñamo completamente legal e de uso non psicoactivo (por se alguén xa está flipando...). Estamos moi ilusionados con esta plantación porque vai ser todo un experimento do que agardamos sacar cousas moi boas, algo que pode ser doado tendo en conta o fácil que é de cultivar e os incontables beneficios que ten. 
 Por desgracia esta marabilla do reino vexetal está moi demonizada por culpa dunha parenta que se soe empregar para uso recreativo. Pero non é máis que un pequeno detalle comparado con tódalas compañeiras da mesma especie con tantísima valía; esa mala fama non debería impedir que poidamos disfrutar de todas as ventaxas do cáñamo industrial. Comezo:

- usos alimenticios (o cañamón é un froito seco, aceites, fariñas sen gluten...) con propidades recoñecidísimas
- fibras para uso textil, industria papeleira, cordas, lonas, aillantes, bioplásticos...
- a cañamiza ou parte leñosa para material de construcción (adobe), camas para gando de altísima calidade, biomasa...
- biodiesel a partir do aceite dos cañamóns e bioetanol a partir da palla
- usos terapéuticos 
- forraxe para gando
- non precisa de herbicidas nin pesticidas no seu cultivo, interrumpe ademais o ciclo das mal chamadas "malas herbas"
- deixa o suelo de cultivo con moi boa estructura pola profundidade que alcanzan as raíces
-  e importantísimo, a cantidade de CO2 fixado da atmósfera é moi superior á de calqueroutro cultivo (incluídas árbores)

 Buuuffff, parece evidente que esta pranta pode ser unha solución para moitísimas cousas e sobre todo cun custe ecolóxico moi inferior ó de prantar eucaliptos en masa ou ó de furar con minas o noso terreo productivísimo. Pensade na cantidade de xente que podería facer falta para traballar os terreos e despois para transformar a materia prima! E o mellor de todo é que en Europa a industria do cáñamo se está a desenrolar cada vez máis.
 En fin, creo que está claro, non?


domingo, 2 de xuño de 2013

Gran manifestación contra a minería.

 Hoxe estivemos en Santiago disfrutando dun gran día de reivindicación e defensa da nosa terra. Foi impresionante ver a toda esa xente enchendo a Praza da Quintana e escoitando a tódalas plataformas afectadas, entre elas a da nosa zona, a da Terra Cha. Aquí tamén hai un proxecto de minería centrada nos áridos e que de abrirse suporía un desastre indecible a nivel medioambiental e por suposto social.


A excusa perfecta é esta situación de crise na que vivimos e que supón, entre outras cousas, a situación de falta de traballo, unha situación que nesta casa vivimos e que tentamos afrontar como podemos, con optimismo e con ilusións postas en proxectos que quizais de non ter chegado un momento coma este nunca teríamos comezado. Porque tamén hai que ter esperanzas e seguir pensando qué podemos facer para afrontalo e ás veces de difíciles situacións xurden as mellores ideas, porque a dificultade che obriga a crear (con tódolos seus significados) as maneiras de superala.

 Vivir supón implicarse no día a día, no que ocorre ó noso arredor xa que se non esta vida non ten ningún sentido. Por esa razón fumos a Santiago, para demostrar ó mundo que este pobo non é sumiso, que xa non baixamos a mirada ante as agresións e que seguiremos loitando por protexer o que herdamos e que ninguén ten dereito a arrebatarnos.   

Foto Agencia EFE

Unha foto esperanzadora, oxalá sexa así!