xoves, 1 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 3).

 Estou de volta. Continúo.
 Intentei recuperarme do de Queta buscando de seguido outra cadela. Atopeina na base de datos dunha asociación protectora de animais de Badajoz buscando por internet, APADAN. Creo que intentando restituir a Queta da maneira máis fiel eu buscaba unha cadela que se semellase moito. Esa foi Auryn, pero en vez de negra era cor dourada. 
 O meu amigo Lois acompañoume nunha viaxe de 4 días para ir na súa procura. Cando estaba a piques de collela en brazos a rapaza que a coidaba  comentoume que tan só tiña un problemiña: debía ter coidado coa relación de Auryn cos homes; xusto nese mesmo instante Lois estaba achegándolle a súa man e Auryn saltou mandíbula aberta a por el. Nese mesmo instante tamén me plantexei que quizais estaba a piques de facerme con outro animal conflictivo, con algún tipo de perigosa manía que me podería traer a min problemas, algo semellante ó que me pasara con Queta, algo do que por certo  me advertiran

 Auryn entrou en casa cun maior distanciamento pola miña parte na benvida e posterior introducción na manada, non quería repetir os mesmos erros que con Quetiña. Eu tentaba ser máis fría para non afacela a min. Parecía que o conseguía, tamén axudaba que ela tiña moita máis relación con Buda o cal me alegraba enormemente. Despois estaba o problema cos varóns, efectivamente algo lle pasaba con eles, era pasar ó lado e Auryn lanzábaselles ás pernas; só collendo confianza e deixándolle o seu ritmo acababa por toleralos sen problemas. 
 Nese sentido vir a vivir a unha aldea axudoulle moitoísimo, mellorou un montón o carácter e reduciu o medo (porque a raíz das súas reaccións violentas sempre estivo no medo). É a única que consigue escabullirse do cercado que puxemos aplastándose contra as pedras do muro para pasar como nunha especie de limbo por debaixo da rede; e por iso consigue ter moita máis relación con todo o mundo, o que precisamente axudou na súa integración social. Cada vez que saímos para ir a casa de alguén ela sempre acaba aparecendo, é cuestión de segundos. Porque iso sí, o de que descanse tranquila en casa cando eu non estou non é que o conseguíramos de todo só que é bastante menos problemática do que Queta era. Ah, e cando non estamos ten o atrevemento de ir de tapas a casa dos veciños máis próximos cos que fixo moi boas migas, tanto varóns coma mulleres.

 "Ginger Neurotic", así a chamaba unha rapaza australiana que estivo por aquí convivindo con ela uns días. E vaille que nin ó pelo. A miña Auryn é unha neurótica que nunca sabe o que quere, non sabe se comer ou non, se querer a este ou odialo, non sabe se estar dentro ou fóra... que pode estar controlando quen vén ou pasa mentras non me perde de vista na cociña non vaia ser que caia algo ó chan, que ten os privilexios que ningún outro can na aldea nunca tivo nin terá porque sempre está dentro das cociñas durante as nosas visitas (qué remedio, ou iso ou aguantala raiando na porta e ladrando fóra) e é a que durme na nosa habitación... Isto último eu estou convencida que foi unha máis das súas estrataxemas de víctima para conseguir o que quere: Queta durmía comigo pero con Auryn intentei evitalo, o impedimento estivo no problema de Auryn ó mexarse dentro do salón durante a noite; eu non conseguía solucionalo e entón metina na habitación para controlar o seu sono durante o meu e poder evitar que se levantara. Conseguino! Sí, pero coa condición de ser a miña segunda compañeira de habitación. De momento aí seguimos.  

 Tanta descrición recórdame canto me queda todavía por aprender mais aínda que non o pareza... imos facendo progresos.

 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...