mércores, 22 de maio de 2013

Achégase a reunión... 2ª parte.

 Despois de explicar moi por riba en que consiste unha comunidade de montes, hoxe vou relataros unha parte da nosa breve experiencia como comuneiros. 
 Ó pouco de chegar á aldea solicitamos ser membros da comunidade de montes e na primeira reunión á que acudimos xa nos fixeron comuneiros, por unanimidade. Qué ben, pensamos nós, qué xente máis agradable e qué boa acollida! Creo que tamén foi aquel mesmo día no que cambiaron os membros da xunta de montes pasando a ser outros os que dirixiran o cotarro. Estes non gozan da simpatía de moita xente (de feito só gañaron por un voto de diferencia) e por aquel entón nós non nos enterábamos de nada, non coñecíamos a practicamente ninguén e por iso a nós dábanos bastante igual estes que aqueles. O que sí tiñamos claro era o noso desexo de participar nas decisións, de aportar algo positivo e constructivo e por suposto coa liberdade de opinar cando nos parecera.

 Todo o mundo dicíanos que xa iríamos vendo cómo eran aquí as cousas e quen era quen, o normal cando chegas novo a calquer lugar. Nós non podiamos deixarnos influír polo que algúns che conten ou che insinúen, ti actúas normalmente e con naturalidade deixando os acontecementos fluír e vaia se fluíron! Un día quixemos mediar co presidente da comunidade nun conflicto que nos afectaba a nós directamente (entre outros veciños) e o tipo reaccionou como xamais ninguén reaccionou comigo: os berros chamándonos "mentirosos" e a 10 cm da miña cara penso que se escoitaban na parroquia do lado; a chulería que amosou, a prepotencia coa que se dirixíu a nós deixounos tan noqueados que aínda a día de hoxe non podo crer que a xente que estaba arredor nese momento non tiveran a decencia de impoñer cordura, agora na distancia xa entendo por qué non actuaron pero mo reservo. 
 O importante é a razón da súa histeria porque mesmo no suposto no que efectivamente o meu compañeiro e máis eu fósemos uns mentirosos como el dicía, non era esa razón para alcanzar o nivel de loucura que alcanzou o seu discurso acompañado dunhas formas a todas luces cuestionables. Entón por qué poñerse como se puxo? Unha razón puido ser que alguén previamente preparou o terreo en contra nosa con algunha que outra mentira producto dunha desbordante, digamos...imaxinación (alguén que ata ese mesmo instante era da nosa absoluta confianza, imaxinade o chasco); outra razón pode ser que para el supoñamos unha "ameaza" no sentido de que sabe que podemos cuestionar ou criticar a súa maneira de facelas cousas, porque ... en fin, qué máis dá! Nada xustifica que alguén trate así a outro.

 E a cousa non rematou alí. Despois diso chegaron as triples reunións da comunidade (despois de non se ver en todo o ano oganizaron tres en tres fins de semana seguidos, toma!) e alá fomos un pouco desacougados despois do que pasara un mes atrás aproximadamente, sobre todo pola decepción persoal tan enorme que sufríramos. O que nesa última reunión pasou foi xa de traca e resumo: empezando porque o propio presidente dixo que esta menda non podía estar na reunión porque "estaba alí só para facer feira" (perdón?! se das poucas veces que falei foi para pedir que se respetasen os turnos de palabras, iso sí que é unha feira ás veces!), continuando con que o meu compañeiro e mais eu tiñamos "unha trama" (0_0) orquestada "por unha directora" e rematando con todo o mundo fóra do local da reunión para seguir acusándonos doutra sarta de estupideces, todo isto bañado por melodiosos berros e xuramentos. Impresionante, verdade?
 Ai, e outro detalle desternillante: ocorréuselles organizar unha comilona parroquial en agosto e chamárona "Comida de fraternidade" (á que por suposto non fumos). Sen comentarios.
 
 Xa logo pasou un ano dende aquel surrealista capítulo e este fin de semana toca de novo reunión. Comprenderedes a miña emoción ante o paso das horas... Agora teño un dilema, qué facemos? qué fago? Por unha banda penso que colaborar aínda que só sexa presencialmente con xente de tal calaña é inadmisible para min (para nolos dous) e que ata que non amosen algún cambio de actitude todos os que opinamos igual deberíamonos negar a asistir; pero por outra banda hai algo que me di que teño que estar alí e loitar simplemente opinando e esixindo o respeto que me merezo eu e tódolos demais, simplemente iso. 
 Pois iso, qué fago?
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...