martes, 21 de maio de 2013

Por fin unha reunión, non era sen tempo...

 Cando comecei o blog dixen que quería falar do que ocorre na aldea, do bo e do malo, pero a verdade é que fago máis entradas sobre as cousas que nós facemos e menos sobre o que ocorre arredor. Así que decidín comezar hoxe unha entrada que falase por fin de como funciona a nosa comunidade de montes, supoño que unha comunidade coma calqueroutra pero dende logo nesta pasan cousas dignas de mención.

 A comunidade de montes está formada por tódolos habitantes da aldea que cumplen cuns requisitos para ser nomeados "comuneros" e así poder participar das reunións e tamén poder disfrutar e dar uso ás "tenzas" de monte comunal que lles correspondan, parcelas ás que todos (en teoría) temos dereito para un uso agrario ou forestal.  A que soa moi ben? Sigo.
 Por lei é necesario reunirse como mínimo unha vez ó ano pero eu creo que este xeito de organización só pode funcionar con algún encontro máis regularmente, sempre e cando eses encontros sexan productivos (vamos, que sirvan para algo). Vese que aquí onde vivimos optan de momento pola primeira idea e non é precisamente por poucas cousas das que falar, sen contar todas as demais que se poderían organizar para que este pequeno mundo (a nosa aldea) funcione sempre mellor.
 Outra norma indispensable para que todo flúa da maneira máis harmoniosa posible debe ser o RESPETO. E iso é algo do que a nosa comunidade de montes adolece e do que podo dar fe por telo vivido en carne propia e, o que o fai aínda máis grave, por parte de membros da mesma directiva, que dende logo deberían ser os que predicaran co exemplo e fosen quen de moderar o diálogo e o entendemento porque doutro xeito é imposible. Sobra dicir que hai persoas que non responden para nada a ese patrón de mala conducta, por suposto que sí, e menos mal!

 En fin, o caso é que se acerca o día da próxima reunión e só de pensalo...   Deberíamos todos ter ganas de atoparnos con todos para falar uns e outros e opinar ata chegar ás mellores decisións, ou polo menos as menos malas, e por suposto acordadas democraticamente. Con tódalas reivindicacións sociais que vemos ultimamente (e nas que intentamos sempre participar) reclamando unha democracia verdadeiramente real, creo que este tipo de organización social pode ser a demostración de que iso é posible e de que o futuro debe camiñar nesa dirección. 

 Gustaríame contar o que pasou na anterior reunión á que acudimos para que así entendades o meu pesimismo e prometo que o farei pero terá que ser outro día, de momento queda introducido o tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...