domingo, 26 de maio de 2013

Tomates, pimentos, cabaciños... decapitados!

 Estes dous últimos días descubrimos un montón das nosas prantiñas cruelmente decapitadas, sí, sí, horrible! Ó principio boteille a culpa ós paxaros porque o corte é tan perfecto que o seu pico me parecía a ferramenta ideal para facelo; agora xa non o teño tan claro e creo que os culpables poden ser algún caracol ou algunha babosa xigante! O caso é que o ano pasado case non notamos a súa presenza, de feito empregara algunha pequena "piscina" de cervexa para atrapalas e tan só caeran dúas na trampa. 

 Estes últimos días de maio aínda está facendo moito frío e cubrín as prantas con algún recipiente para evitar as xeadas. Creo que foi ó deixar de facer isto cando lles servín a cea en bandexa, o ataque foi realmente brutal: de 6 tomates, 5 desapareceron practicamente; dos 5 pequenos cabaciños só quedan as dúas folliñas que saen da semente; e igual cos pimentos e algunha faba. Aí vos deixo un testimonio sobrecolledor dun pimentiño, porque unha imaxe vale máis que mil palabras...


 Agora volverei cubrilos ata que vaian collendo máis corpo, terei que repoñer as prantas e ó mellor probo a facer un reguiño de sal gordo arredor dos bancais como barreira protectora. Tamén me dixeron que as cascas de ovo arredor das prantas non son capaces de traspasalas porque se lles clavan?! Alguén sabe se funciona este método? Outra solución sería atopar onde se esconden (porque estou segura de que están aí, a carón de cada bancal agardando o momento ideal, controlando os nosos horarios para pasar inadvertidos e acometer o seu obxectivo) pero non consigo dar con eles!!!

 En fin, supoño que hai que ir aprendendo sobre o terreo (nunca mellor dito, jiji) e tentar solucionar os problemas con paciencia para non desesperarse, verdade?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...