xoves, 15 de agosto de 2013

Beneficios doutra "mala herba", o cincento.

 Fai tempo fixen un curso de horta ecolóxica onde empecei a escoitar falar das "malas herbas" e dos seus beneficios directos sobre a horta. 
 Unha que nos mencionaran fora o chamado cincento (Chenopodium album), unha herba moi común e aparentemente sen ningunha utilidade polo que tendemos a arrincala dende que aprendemos a distinguir os primeiros brotes. Pois resulta que é das que atraen ós pulgóns, evitando así que estes vaian a outras plantas e puiden comprobalo este ano: dous cincentos coláronse e avanzaron entre os meus tomates conseguindo xa superalos en altura pero resulta que nos brotes da cúspide da planta albergan unha colonia de pulgóns acompañados das formigas.

  
 Podería cortar esas cabezas do cincento cheas de pulgón pero realmente non me molestan, sobre todo de momento non molestan ós tomates así que para qué eliminalas? Así sigo aprendendo e experimentando coas herbas, cos bichos... porque parte dos beneficios de poñer unha horta é observar a natureza e estas interaccións tan interesantes que se producen. A conclusión de hoxe volve ser que ás veces non é tan importante esforzarse en ter a terra limpa de "malas herbas", en ocasións son as "malas herbas" as que nos axudan a ter sana a nosa horta.

 Déixovos co cincento no medio e medio dos meus tomates.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...