venres, 9 de agosto de 2013

Produtos do cáñamo: a fibra.

 O noso cáñamo xa está moi medrado e empezamos a valorar tódolos produtos que imos obter das plantas e buscando destino para os mesmos.

 De entre todas as saídas que o cáñamo ofrece unha importantísima é a fibra, que se obtén de extraer a parte exterior que cubre o tallo leñoso. Non vou describir tódalas bondades da fibra do cáñamo porque son tantas que me levaría un bo pedazo e non me apetece agora (...). De momento probamos a facer fío con ela gracias a unha colega que domina as artes do fiado e ese fío poderíamos usalo, por exemplo, para tutorar as nosas plantas dun xeito ecolóxico, coa idea de empregar os materiais máis naturais posibles no noso entorno.

 A extracción da fibra é o difícil. O meu compañeiro fíxoo do xeito máis laborioso, máis ben como parte da aprendizaxe sobre a planta, mediante unha navalla. 


 Por suposto que tradicionalmente o método era diferente: deixar a mollo máis dun mes, sacar e deixalo secar para despois mallalo a paos e finalmente espadañar e pasar por un cepillo. Ó mellor nós facemos o proceso pero cun volume de plantas pequeno porque esperamos poder darlle saída senón á fibra sí ó tallo. Iremos vendo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...