martes, 6 de agosto de 2013

Plagas na horta.

 Ultimamente tiven a horta un pouco desatendida, practicamente limitámonos a regala e ver cómo van crecendo cabaciños, xudías, tomates... Non a observei co mimo e coidado que lle adiquei no primeiro mes, preocupada por que as babosas non nos devoraran as prantas... Levaba uns días observando que os repolos e as coliflores  tiñan furados pero bah, non lle din importancia, total, uns furadiños de nada non son para tanto, non? 
 Xa, xa... o caso foi que a semana pasada xa descubrín que os furados estaban protagonizados por uns gusanos verdes que se adicaran a incubar centos de ovos verdes no interior das miñas prantas! E agobieime un pouco ó pensar que se todos eses ovos eclosionaban á vez podía ocorrer unha traxedia no resto da horta. Entón optei por arrincar as prantas que estaban máis perxudicadas e o resto empapeinas cunha mestura de auga con sal porque en teoría mata ou afasta a estes devoradores reptantes. Parece que funcionou pero témome que o dano xa é demasiado grave.


  Nós tratamos de non empregar ningún produto agresivo e non ecolóxico na horta, intentamos rexirnos por principios de equilibrio entre especies e nesa onda temos ben aprendida a idea de que certas prantas benefician a outras ben repelendo ou atraendo bichiños que son beneficiosos. Hai herbas (moi mal chamadas "malas herbas") que ás veces nos esforzamos en arrincar ou eliminar cando non só poden ser fonte de alimento para nós, senón tamén ferramentas disuasorias de plagas, ben porque repelen ós insectos ou ben porque os atraen evitando así que colonicen as nosas hortalizas. Este último caso é o que descubrín o outro día. Cóntovos.

 A nosa horta está chea de formigas e estas soen utilizar ó pulgón negro coma o seu rebaño, ben cerquiña para se beneficiar dunha especie de secreción doce que estes producen (ou algo así...). O caso é que o ano pasado apareceu ese pulgón por varias prantas, sen ocasionar grandes danos porque o ía eu limpando. Este ano descubrín unha "mala herba" que se atopa ben pegada ás fabas, xudías e cabaciños que está cheíña do pulgón evitando así que se extendera ás prantas veciñas, así que todos conviven en harmonía. Nas fotos podedes observar o pulgón e mais a pranta en primeiro plano a carón das fabas e repolos.


 Creo que se chama Herba Mora (solanum nigrum) e polo que puiden ler ten tamén propiedades medicinais e visto o visto creo que é interesante deixar algunha pola nosa horta despois de ver o moito que lle gustou ás formigas e ó pulgón. Aquí vos deixo algún detalle doutro exemplar limpo e ó mellor alguén pode confirmarnos que efectivamente é esa especie.


 E para rematar, xa que falamos das "malas herbas", recoméndovos que escoitedes e leades a Josep Pamiés (o payés da stevia, lle chaman), un agricultor que se ten convertido en todo un referente na defensa das "malas herbas". Hai vídeos del interesantísimos en youtube cos que se pode aprender moitísimo acerca destas plantas, fonte de alimento e saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Unhas palabriñas...