domingo, 24 de febreiro de 2013

O entroido.

 Fai un par de semanas rematou o entroido. Na nosa aldea é bastante curiosa a maneira de celebralo así que hoxe vou amosarvos a especialidade do lugar: os bonecos de entroido.

 Á xente que coñezo resúltalle en xeral bastante descoñecido este modo de celebración, ó meu modo de ver moi divertido e ocurrente. Durante os días de entroido poden aparecer diseminados pola aldea estes grandes "peleles" que soen identificarse con algún persoeiro do lugar ou con algunha situación, empregándoos a modo de crítica ou escarnio. Outros simplemente funcionan como broma. 

 Agora vou ensinarvos unhas fotos do entroido do ano pasado que creo que merecen a pena. 
 A primeira foi un boneco que deu un bo susto ó tratar de encender a cociña de leña pola mañá cedo. O gracioso é que a culpa do boneco creo que a levou o meu compañeiro porque se prestou raudo e veloz a sacalo da cheminea coa axuda dunha escada bastante grande que temos, obxeto que algúns de seguida asociaron coa ferramenta do culpable, jeje!

 Despois atopamos estes outros pendurados duns cables de colgar a roupa e o seguinte da torreta da luz á beira da estrada. Estes sí representan a persoas concretas do lugar.


 Pero o entroido deste ano foi moi intenso en canto a bonecos. Non apareceron espallados por aí polo mal tempo que cadrou na fin de semana, senón que nesta ocasión todos foron reunidos na entrada da casa da escola, como se dunha reunión da comunidade de montes se tratara (aí xa había unha crítica).   O divertido foi a sucesión de acontecementos: primeiro apareceron representados todos os membros da xunta de montes, cada un co seu carteliño descritivo ou colocación significativa; parece que provocou certa picazón nalgúns e estes reaccionaron con outra batería de personaxes; pero aí non quedou a cousa porque apareceron algúns "monstruos" máis e cargados de contido alusivo a feitos concretos que teñen ocorrido ultimamente. 
 Por exemplo...


 Ou esta outra, cun cartel que di "Xa estamos todos, comeza a asamblea"; e a verdade é que os bonecos estiveron máis tempo reunidos que nós en todo un ano e dende logo comportáronse bastante máis civilizadamente, jajaja!


 Aquí hai moito inxenio, sobre todo algúns dotados dunha fina ironía e  gran intelixencia nas mensaxes, moi concisas pero cargadas de significados. Así  vou rematar cun retrato que nos pareceu tan poético e simbólico, dende logo unha maneira moi clara de describir a certa persoa, alguén que é todo oídos... 


martes, 19 de febreiro de 2013

Isto É unha comunidade de montes.

 Gracias a unha colega que se acorda moito de min (de nós) descubrín o proxecto dunha comunidade de montes que creo merece moito a pena descubrir e coñecer, a Comunidade de Montes Veciñais de Paraños, en Covelo, Pontevedra.

 Aquí podedes enterarvos das moitas actividades que organizan, traballos dirixidos á revalorización do entorno e á mellora da vida na comunidade. Parece a priori un exemplo a ter en conta por outras comunidades de montes e agora que nós participamos dunha que xa falaremos... a verdade é que dá moita envexa.

 De momento vou deixar un vídeo que fixeron sobre o lugar da cera, un proxecto de recuperación da memoria en torno ó que nun tempo foi unha economía próspera na zona. Gustounos especialmente, como era de esperar.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Un niño nun carballo.

 Esta primavera e verán pasados foron un disfrute cos paxaros que decidiron vivir  con nós. Un par de parellas de merlos aniñaron na paneira nun oco dunha parede entre as pedras. Dende a ventá da nosa habitación puidemos ver como alimentaban ós merlos pequenos chegando con grandes gusanos no pico. Tamén no furado dun carballo había un niño de, según meu pai, "picafollas" e outro máis nun pequeno oco do hórreo.

 No meu pasado cumpreanos unha boa amiga regaloume un niño feito por ela e levaba agardando para ser colocado nunha das nosas árbores un bo tempo. 



O sábado, que fixo un día marabilloso, por fin lle buscamos o seu lugar e cómo non, nun dos nosos carballos.


  Así luce agora, agardando por inquilinos con plumas. Moitas gracias, L.P.!


Construcción dun cesto, con mesa.

 E xa por fin ensínovos o resultado destes días de cestería.
 Na seguinte collage podedes ver o proceso de construcción paso a paso, moi gráfico e nada de texto. 


 E esta foi a cesta que fixemos, bueno, mellor dito que o meu compañeiro cesteiro fixo, a verdade é que eu só tecín un pouco a base. Pero foi un gustazo tecer cos vimbios de novo e finalmente conseguir isto, unha cesta que será para o dono deses vimbios podados por primeira vez. 


 Pero é que ademais tiven outra sorpresa ó día seguinte, outro cestiño! pero esta vez é para min, jeje... A que é bonito? Este ten vimbios de varias cores, usamos os mesmos da cesta anterior e máis outros dun señor da nosa aldea ("Whiteman") que amablemente nolos deixou podar.

 Se queredes coñecer mellor o proceso dos cestos podería facer unha entrada máis detallada pero sinceramente non me apetece tanta precisión nas descricións neste momento. Mellor ca iso podería ser organizar unha tarde de cesteiría alá pola primavera, ó aire libre, para compartir o tempo mentras aprendemos algo moi bo, que vos parece?

xoves, 14 de febreiro de 2013

Mesa para cestos: á maneira de Noia.

 Onte conteivos que o meu compañeiro sabe facer cestos. Aprendeu de seu pai, que sempre os fixo para a casa. Na comarca de Noia (de onde son eles) teñen unha técnica diferente e moi propia para a construcción dos cestos pois empregan unha mesa como base para o traballo. Hoxe vou explicarvos como fixemos a nosa mesa e noutra entrada posterior o proceso de construcción.

 Buscando onte un tableiro para comezar, de súpeto ocorréuseme unha idea ó ver unha mesiña moi coñecida de IKEA que os anteriores inquilinos da nosa casa deixaran por aquí. Era perfecta! Mira por onde lle demos un novo uso a unha mesa que non nos daba precisamente moito xogo, reutilización!
  Primeiro situamos un tableiro a certa altura debaixo da parte superior da mesa e asegurámolo cunhas puntiñas. Despois, cunha corda dende o centro, fomos trazando unhas circunferencias concéntricas que servirán para marcar o ancho do noso cesto.


 A continuación facemos unhas marcas nas circunferencias que servirán para fixar os furados que faremos co taladro, furados polos que introduciremos os montantes do noso futuro cesto para logo comezar a tecer.


 E este sería o antes e o despois da nosa mesa xa cos vimbios preparados para comezar a traballar. Na vindeira entrada, un cesto!





mércores, 13 de febreiro de 2013

Tempo de vimbios.

 Esta fin de semana, aproveitando a menguante de xaneiro (un pouco tardía...), podamos uns vimbios (mimbre, para quen non entenda). Fai dous anos plantamos un par de vimbieiros de estaca na finca dun familiar e esta foi a primeira poda que lle demos.
 Hoxe adicámonos a limpalos e ordealos por tamaños amoreándoos en feixes.


 E este son os nosos mandos de vimbios, mandos que por certo xa comezamos a gastar porque meu compañeiro non puido aguantar máis e  ocorréuselle facer hoxe mesmo un cesto, iso sí, á maneira de Noia. Na próxima entrada explicareivos en que consiste.

  

martes, 5 de febreiro de 2013

Hotel de insectos.

  Este verán plantamos unha horta pequeniña pequeniña pero ecolóxica. Non empregamos ningún producto químico, todo foi completamente natural, dende o compost ata os repelentes para insectos. Agora a horta está en pausa agardando para a próxima primavera e verán. Se todo vai ben, cando chegue o momento irei contando a posta en marcha e ampliación da seguinte.

 Hoxe quería ensinarvos un "invento" que un día se me ocorreu facer a partir de ideas atopadas en internet para axudar a unha horta ecolóxica: un hotel de insectos.
 Si, iso existe e ata atopei concursos arquitectónicos moi serios para construir os hoteis de insectos máis chachis! Cal é o sentido? Pois precisamente atraer insectos á túa horta para que estes axuden a controlar posibles plagas doutros bichiños, por exemplo, pulgóns.

 O noso hotel é o resultado da improvisación a partir dun antigo poste da luz ó que lle fun engadindo diferentes elementos que tiña gardados por aí (síndrome dióxenes...): unha tubería troceada, unha caixa con tubos de papel hixiénico con herba dentro, máis herba e trozos de madeira por aquí e por alí, un adosado de ladrillos... en fin, "idas de pinza" que finalmente deron en isto.


 A verdade é que bonito, o que se di bonito non é. Máis ben todo o contrario pero a min gústame, é o noso bizarro hotel de insectos, ;)