domingo, 28 de outubro de 2012

A nosa chegada á aldea.

 Sempre tiven claro que quería vivir no campo. Había moitas razóns nese desexo e entre todas elas unha moi importante era o meu can Buda, que debido a unha enfermidade que padece necesitaba tanto coma min vivir ó aire libre. A decisión fíxose máis firme durante a miña estancia en Nicaragua, non moi longa pero si suficiente para ter claro que a vida canto máis sinxela máis doada. Así á volta daquela gran viaxe iniciamos unha búsqueda que nos levou ata onde hoxe estamos; teño que confesar que non nos rompimos moito a cabeza na procura dunha casa, había varias condicións que debía cumprir e esta cumpríaas: radio duns 30 km á cidade, unha vila grande tamén preto, habitable, fermosa paisaxe nos arredores, ausencia de grandes explotacións de gando... Tamén axudou moito que nos enamoramos dela nada máis vela e ese impulso foi decisivo. 

 Durante ese verán adicámonos a preparar a casa para a nosa entrada en setembro pero esa preparación non foi nada doada. Nada máis recibir as chaves decatámonos de que as abellas eran as outras donas da casa (o outro dono de momento é o banco, xa me entendedes); si si, varios enxames entraban por tres zonas diferentes do noso tellado! Tras pedir axuda ó especialista co que me puxeron en contacto os do 112 só nos quedaba unha terrible solución, tendo en conta que os lugares baixo o noso tellado no que se atopaban os panais facía imposible recollelos. Así foi, ninguén nos quixo prestar axuda agás pola información precisa para acabar con elas e podedes imaxinar o que supoñía para nós enfrentarnos a centos (por non dicir miles) de abellas que entendían que o faiado era tanto delas coma noso!
 Neses primeiros momentos botounos unha man o veciño co que primeiro entablamos relación; foi algo incrible e sempre lle estaríamos agradecidos   porque non calquera se atreve a interaccionar coas abellas e menos cando se trata de botar unha man a quen non coñeces de nada, ós recén chegados. Ese señor non o dubidou nin un instante e a un par de novatos en materia apícola que eramos nós axudounos o indecible; e digo "eramos" porque a raíz daquela experiencia iniciática plantexámonos que mellor que temelas era entendelas e querelas (sobra falar acerca da importancia crucial que as abellas teñen para o mundo tal e como o entendemos, non?) e así foi que o meu compañeiro comezou a introducirse de cheo no fascinante mundo da apicultura ó que hoxe por hoxe está enganchadísimo.

 Resumindo, tras conseguir controlar aquela invasión instalámonos un domingo de setembro á noitiña e no medio dunha cicloxénese explosiva! Xa, menudo día escollimos, outra cousa non pero emocionante foi un rato: os nosos cans soltos por primeira vez pola finca descubrindo o seu novo territorio baixo unha chuvia e un vento horribles; baixo ese vento e esa chuvia tivemos que vaciar a equipaxe, caixas, bolsas... que traiamos; ademais descubrimos unha goteira considerable no medio do salón e cando nos dispoñíamos a prender a chimenea para caldear un pouco o desapacible ambiente... marcha a luz! 
 Agora que estou a lembrar todo aquelo dáme a risa pero realmente foi bastante caótico e nada parecido ó que me imaxinaba. Ademais, ó día seguinte comezaba o meu traballo e encaixar a rutina nesta nova situación fíxose por un momento un pouco complicado, por non falar das dúbidas que de súpeto me asaltaron acerca de se estabamos a tomar a decisión correcta e se se cadra aquelo era unha sinal do universo para avisarnos. Aproveito para dicir que esta menda cree bastante nas casualidades e nas posibles mensaxes que estas traen pero iso tal vez sexa discusión doutro día, o importante é que superamos aquel susto primeiro.

Xa que o mencionei nada máis abrir a entrada, remato con el e de paso comezo coas presentacións. Con todos vós, o meu velliño Buda.




2 comentarios:

  1. Ola!
    Acabo de visitar o blogue e paréceme moi boa idea. Ademais do que che poda aportar a ti escribir, creo que é fundamental que a xente saiba que outras formas de vida son posibles, máis alá das cidades.
    Eu nacín e medrei na montaña, e os venres marcho coma un foguete para alá, porque o necesito. Pasei a tarde do sábado e do domingo no souto apañando castañas; quero dicir con esto: que doen os cadrís, que se enterran as botas na lama, e que teño algún dedo cheo de picos (puñeteros ourizos!), pero é o que quería facer.
    Xosé e eu temos claro que a cidade é un lugar de paso, mentras el non teña a definitiva e eu ande de "titiriteira"; pero se algún día nos poñemos co "asunto" de ser pais, queremos criar aos nosos fillos no rural. Que coñezan ambos mundos, e despois xa eles decidirán onde facer a súa vida.
    Un bico forte.

    ResponderEliminar

Unhas palabriñas...