Estes días seguimos cos traballos na paneira e fixemos unha labor importante, levantar o chan que esta tiña feito de chantos xigantes.
Aquí chamámoslles chantos ás lousas enormes que se soen ver cerrando fincas ou como piso das airas, que son aquelas zonas das casas nas que se mallaba o cereal. E as lousas son as pedras planas de pizarra que se empregan como cubrición para os tellados nesta zona, coméntoo por se alguén non o sabe.
Outro día ensinareivos como quitamos algunas das pedras porque merece a pena, creo eu, e teño que dicilo: encántanme as pedras!
Hoxe vou ensinarvos un adianto do material que conseguimos e dos cans como referencia para o tamaño. Aí vai.
Xa vedes, temos para facer un dolmen e xogo de menhires se se nos antoxa. Pois cunha desas lousas enormes de enriba ocorréusenos nada máis vela que sería perfecta para un banco, o do dolmen requería un pouco de máis tempo.
No corral tiñamos un banquiño feito daquela maneira cun par de troncos e unha táboa bastante ruíña posta enriba (nin puntas tiña), así que alá nos lanzamos coa "pedriña". Menuda aventura o traslado ata o lugar onde estaba o banquiño en cuestión, costa abaixo con "roletes" (así chama o meu compañeiro ós tronquiños redondos que empregamos para desprazar o lixeiro material) e sistema de corda para dirección e frenado; e non, non teño fotos do momento porque non dá unha para tanto pero foi unha mágoa porque pagaba a pena telo retratado.
En fin, o caso é que así nos quedou o noso lugar de repouso, tamén con cadela en foto como referencia.
Outra cousa non pero rústico dende logo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Unhas palabriñas...